6 de noviembre de 2013

Querida Compostela



Como crer que alguén pense que eres gris e chuviosa, cando a min sempre me das tanta luz? Se volvera nacer e puidera elixir o meu punto de acollida, sen dúbida, elixiriate a ti. Porque me coidas cada día da miña vida, ata cando estou confundida, ou lonxe. Porque cando non hai ninguén, sempre estás ti, para levarme da man, para arrouparme cando me escondo en calquera dos teus rincóns. Foches sempre tan boa, tan amable e xenerosa… é tan doado estar en ti, contigo, que nunca me cansarei de quererte. Por moitas cousas que me pasen na vida sempre poderei gardar unha gran fortuna: ter nacido, vivido, sufrido e desfrutado aquí, na miña querida Compostela.

No eco dos teus soportais prologáronse todas a miñas risas. Deixachesme camiñar sen rumbo e a deshora para perderme, encontrarme e reencontrarme, para ensinarme as caras das persoas que sen ti nunca tería visto nin coñecido, porque as acolleches aquí e deixaches que me cruzara con elas en calquera parte da túa beleza infinita. Permitiches que tocara ese corazón de pedra e non me importa cantas veces me molles os pés. Sempre, no meu recordo estarán as tardes ó sol, tumbada nas pedras do Obradoiro cal visitante que nunca tal vira, inventando as formas das nubes, pensando se Santiago estaría ben alí arriba, se algún día soñou con baixar. Preguntándome onde iría se poidera voar co seu cabalo.

Ti puxeches un bálsamo a todas as feridas do corazón, gardándome os zapatos durante todo o tempo que quixen ir descalza. Eres tan perfecta nas túas formas que nin sequera me fixen dano. Aquí, contigo, xurdiron todos os meus sentidos, ensinachesme a descubrir, a ilusionarme, a esperar, a sorprenderme, a observar, a apreciar, a olvidarme, a soñar e sobre todo, a valorar. Sempre me acompañas na miña vida, sabendo como repoñer todos os soños que se rompen. Sempre estás atenta a cada detalle, como eu o estou ós teus. Ata me ensinaches a chorar.

Eu contigo non entendo de tristuras. Cando todo está escuro, para min nas túas rúas sempre hai luz, ás veces a única luz que atopo. Sempre hai un oco especial, sempre estás ti, a túa xente, eu… Fermosa por dentro e por fóra, ti nunca fallas. Nunca perderei a miña confianza en ti.

Compostela, aquí, contigo, aprendín a lección máis importante da miña vida, a máis sinxela e complicada á vez: saber vivir. E por iso me levanto cada día, para bailar contigo mil muiñeiras, para escoitar o eco da miña risa, para escoitar a túa especial melodía…










No hay comentarios:

Publicar un comentario