Podería estar mil horas sentada fóra da porta, quieta, escoitando...
Gústanme os sons da aldea. Gústame escoitar as tesoiras de podar, sinal de que algún veciño anda a traballar na súa horta. Gústame escoitar como os paxaros se meten entre as pólas das árbores, como uns cantan cerca, mentres de lonxe chega outro cantar.
Gústame como soa o vento nas árbores, o son das follas arrastradas polo chan. Gústame cando canta un galo, dun lado, doutro... cando escoito o ruido dun tractor. Gústame cando ladran os cans como contándose cousas..e como vibra o chan cando corren os cabalos.
Gústanme as imaxes da aldea, os sons, os olores... Gústame ver á xente pasar.. escoitar os seus pasos, como van leriando... como se atopan con outros veciños... Gústame pasar polo medio da aldea e saber que se cociña en cada casa, ulir o cocido na casa da señora Carmen, ou ver fumear unha chimenea e pensar que Matilde está facendo filloas..
Gústanme as "reunións de aldea".. para coller as uvas ou calquera outro traballo.. eses días nos que buscas a peor roupa que tes.. nos que acabas como un "cristo" e rematas comendo empanada sentada en calquera sitio...
A aldea ten un toque especial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario